domingo, 18 de agosto de 2019

A LAXE DO CUCO


¿CÉRVIDOS OU CÁPRIDOS?

A LAXE DO CUCO




Restitución fotogramétrica do estado actual da Laxe do Cuco


O Outeiro do Cuco áchase no lugar de Cernadelo, na parroquia de San Xurxo de Sacos, concello de Cerdedo-Cotobade na provincia de Pontevedra, a esquerda da estrada que desde o km 74,6 da N-541 leva a ermida que hai na carballeira de San Xusto e o antigo Balneario do rio Lerez. 

No dito outeiro hai varias rochas con gravados, e unha delas, a Laxe do Cuco, (42.5131437909, -8.5061537581, Datum: ETRS89) e o obxecto deste traballo.

Trátase de unha rocha plana case a ras de chan de superficie irregular dividida lonxitudinalmente en dirección E-O por unha diaclása da cal arranca outra en dirección N-S, formando tres paneis, dos cales o superior alberga a maioría dos gravados, 12 cuadrúpedes, un dos cales esta unido polo rabo a un pequeno círculo con coviña central, unha pequena combinación circular e unha figura cuadrangular, mentres nos dous inferiores, a dereita o cuadrúpede mais grande de toda a rocha, e a esquerda polo menos outro pero de trazos moi desgastados, e que a imposibilidade de facer limpeza na rocha impídenos rexistralo convenientemente.

Falo de cuadrúpedes a pesares de que nas publicacións existentes fálase de representación de cervos, porque non está nada claro que se trate de estes a pesar de que no calco que publicou Antonio de la Peña Santos figura un dos animais con cornos ramificados. A día de hoxe non existe na rocha indicios de que eses trazos foran reais. Afirmación que ven dada pola presencia de animais adultos en actitudes de celo con cornos pequenos e lisos.

Cumpre entón intentar identificar que tipo de animal e o representado e indicar os motivos polos cales nos decantamos por rexeitar a atribución a cérvidos.

Dos 14 animais representados, catro ou quizais cinco poden ser considerados machos pola presencia de atributos xenitais destacados, e os outros nove ou dez serían femias. Pero todos con cornos pequenos, similares, e nalgún caso lixeiramente curvados .

Dos cérvidos que poderían estar representados o cervo común (cervus elaphus) presenta un gran dimorfismo sexual. Sendo as femias menos corpulentas e mais pequenas que os machos e nunca presentas cornos, mentres os machos presentan cornos ramificados que se renovan cada ano. 

O corzo (Capreolus capreolus) e o cérvido mais pequeno de Europa: Presenta un dimorfismo sexual menos acentuado. Os machos presentan cornos pequenos de tres puntas que mudan anualmente, mentres que as femias carecen deles.

O gamo (Dama dama) diferenciase do cervo no seu menor tamaño e sobre todo polos cornos palmeados. Presenta un gran dimorfismo sexual xa que fronte os grandes cornos dos machos, as femias carecen deles.

Solo estes detalles serían suficiente para descartar que os animais representados na rocha sexan cérvidos, e sendo así ¿que outro tipo de animal con cornos pode ser o representado?

Coido que dos dous posibles candidatos, o rebeco ou rebezo (Rupicapra pyrenaica parva) e a cabra montés galega (Capra pyrenaica lusitánica), esta última é a que mais posibilidade ten de ser a especie representada, xa que o rebeco polas característica do seu habitat, estivo limitado a zoa oriental de Galicia, nas serras dos Ancares e o Caurel e o entorno da Pena Trevínca. O ultimo avistamenteo en liberdade foi en octubre de 1970, extinguíndose a partires desa data.

A cabra montés é unha especie de bóvido que poboaba amplamente as serras do sur de Francia e a Península Ibérica. Unha das súas subespecies, a capra pyrenaica lusitánica, vivía nos montes do norte de Portugal, Galicia, Asturias e Cantabria. Era coñecida como cabra montés galega, cantábrica, portuguesa ou mueyu, en Portugal cabro.

O que distinguía a esta cabra das outras subespecies da Península Iberia era o tamaño dos cornos e das manchas de cor negra. Nos machos o tamaño dos cornos non chegaba os 50 cm, aproximadamente a metade do tamaño dos do extinto bucardo (capra pyrenaica pyrenaica)



A única Cabra monés galega fotografada en 1890 (Wikimedia commons)

A finais do século XIX unicamente quedaba un rabaño na Península Ibérica nas serras do Xurés/Gerês. No ano 1890 capturase o único exemplar fotografado con vida no Val da Albergaria, a quilometro e medio da Portela do Home e foi levado o Zoo de Lisboa onde morreu poucos días despois.

As últimas testemuñas coñecidas, proceden todas da serra do Gerês onde en 1892 morreu unha femia vella e albiscáronse outros dous exemplares. Considérase este, polo tanto, o ano da súa extinción.

Esta cabra montés coido que é a mellor candidata a identificación cos gravados obxecto do presente traballo.


Escena de celo na parte superior da rocha.

Destacan na rocha dúas indubidables representacións do celo dos animais. A primeira na parte superior esquerda onde un macho esta ulindo os xenitais da femia debaixo da cal hai un animal pequeno, e outro maior a súa dereita. Completan ese panel outros dous animais lixeiramente separados.



Este comportamento sexual e sobradamente coñecido entre os ruminantes tanto salvaxes como domésticos e está amplamente representado na arte rupestre galega. Apenas a 500m na moi coñecida Laxe das Rodas no Lombo da Costa existe outra representación similar.


Escena central.

No panel situado a dereita achamos outra representación similar debaixo da cal tres animais parecen camiñar en fila encabezados por un macho en actitude de bérrea que amosa un gran falo e parece unido polo rabo a un pequeno circulo con coviña central.

Baixo estes unha pequena combinación de dous círculos concéntricos con coviña central e apéndice. 

Completa a escena un gravado que representa un animal esquemático con grandes cornos arqueados que semella levar algo cravado no lombo. A actitude e de dor coa boca aberta, e anque falla o trazo que delimitaría o abdome, presenta uns trazos de gran dinamismo.
Suposta escena de caza


E probable que esteamos diante de unha escena de caza, anque na rocha non se albisca, no estado en que está agora, ningunha representación humana.

Posible animal morto.

Completa o repertorio figurativo unha gran figura de cuadrúpede que ten o aspecto de estar recostado no chan: A posición das patas e a perforación presente no costado, fan pensar en un animal morto. De ser así, estariamos diante da representación naturalista do resultado da cacería. Amosa un trazo na parte inferior do ventre que non ten contacto con el, polo que a interpretación como un falo paréceme arriscada. 

Tradicionalmente e interpretada como un animal o galope, e a posición das patas así poderían indicalo, pero este tipo de representación do animal en movemento, semella ser case único no repertorios da arte rupestre, pois o habitual e representalo coas patas estendidas e non recollidas.

Confío en que esta interpretación das representacións da fauna presente na Laxe do Cuco, sirva de estimulo para os investigadores e poder asi, abrir un novo camiño na comprensión e identificación dos cuadrúpedes, mais aló dos tradicionais cérvidos ou équidos, e poidamos chegar a ter unha maior comprensión da sociedade que os gravou, antes que desaparezan pola desidia e o abandono no que se atopan como consecuencia das agresións propiciadas polas politicas do goberno da Xunta de Galicia, que tendo os medios para evitalo, prefire mantelos na situación actual e propiciando a súa destrución por activa ou por pasiva.

1 comentario: