domingo, 10 de febrero de 2019

A SERPE DO VILAR


A SERPE DO VILAR



Restitución dixital do motivo principal


A estación de arte rupestre do Vilar, en San Xoan de Poio, foi dada a coñecer por Miguel Anxo Sartal Lorenzo no ano 2001. No seu inventario identifica 11 rochas con gravados en distinto grado de conservación. Como consecuencia dos incendios forestales do ano 2006 moitos dos motivos sofriron grandes desperfectos, que se suman os xa padecidos anteriormente por acharse en unza zona de extracción tradicional de pedra de construcción que mutilou e deixou gravemente afectados moitos dos gravados. A todo isto hai que sumar a desidia e o abandono no que se atopa actualmente por parte das autoridades municipales e autonómicas que fan que a sua pervivencia esté seriamente comprometida como acontece coa inmensa maioria dos petróglifos de Galicia e do Concello de Poio en particular, que non dubída en dilapidar cantidades vergoñentas de diñeiro en actividades festivas de determinadas actuacións musicais de comportamentos cuasi mafiosos, e non dispón de recursos para limpar o entorno dos gravados e poñerlles unha mínima sinalización informativa.


Estado no que se atopan as rochas gravadas

En datas recentes estiven a facer os levantamentos fotogramétricos de algunha das rochas coa previsión de que alomenos quede constancia da sua riqueza de motivos e como denuncia do indecente estado de abandono en que se atopan. Abonda con comparar a situación na que se atopan similares manifestacións histórico-artisticas en paises como Noruega, Suecia, Gran Bretaña, Irlanda, Francia ou Italia para darnos conta da incultura dos responsables políticos tanto municipales como autonómicos, sobre todo estes últimos que se negan a solicitar a declaración da nosa Arte Rupestre como Patrimonio da Humanidade.

A PEDRA DA SERPE

Propoño denominar asi a rocha que na publicación citada o principio está mencionada como rocha numero 9, pola sua singularidade, polo motivo nela representado e porque supón a confirmación da abundancia de ofidios nas representacións tradicionalmente consideradas como combinacións circulares, que a raiz do desenmascaramento da manipulación levada a cabo na representación do principal gravado da Pedra da Moura Encantada en Mogor, Marín, e deixando de lado o seguidismo que se leva feito no ultimo século a hora de interpretar este tipo de gravados, cambiando o paradigma, e sobre todo ollando moitos destes gravados como representacións en baixo relevo e non somente como sulcos, o numero de ofidios, aumenta de forma exponencial.

Coido que xa se fai imprescindible, para o mellor estudo de moitas das combinacións circulares e laberínticas, a sua inclusión dentro dos motivos zoomorfos e deixar nos motivos xeométricos aquelas combinacions mais sinxelas. Deste xeito coido que se daría un pulo o estudo do significado de tantas representacións de ofidios e a sua pervivencia o longo de, alomenos, tres milenios.

O seu descobridor advirte, coido que nun magnifico exercicio de honradez intelectual: “...as reproduccións que fago (ou quizais, mellor dito, as aproximacións ás reproduccións) son feitas a ollo a través do que vin nas rochas e nas fotos, polo tanto quero que se acollan con moito coidado.”

Debuxo do descobridor

Na sua descripción, como non podia ser doutro xeito o estar condicionado polas interpretacións tradicionais, e probablemente polo estado no que se atopaba a rocha, fala de duas combinacións de circulos concéntricos de distinto tamaño, unha gran cazoleta e varias cazoletas pequenas no interior da combinación circular mais grande.

Reconstitución dixital da rocha


Sin embargo, o que aparece na restitución fotogramétrica e unha figura totalmente distinta. A gran combinación circular é en realidade unha figura espiral arredor de un grupo de cazoletas que amosa na sua parte esquerda unha cabeza ben delineada e un trazo que parece indicar a lingua.

Trataríase entón da representación realistica de unha serpe acobillando unha posta de ovos, tal como acontece na natureza, o que indicaría un grado notable de observación por parte do que realizou a figura.

Culebra de anel coidando os ovos
A pequena combinación circular foi cortada para a realización da gran cazoleta, que podería ter (si botamos a imaxinación a voar, cousa non recomendable) unha función de vaso de ofrendas, en relación con algún tipo de ceremónia que poideran ter lugar na devandirta rocha, pois e moi dificil pensar que o traballo de gravar estas figuras fose puramente ornamental

As interpetacións que poidan darse a este feito, están ainda por estudar. Non e este o único exemplo no que a serpe arrodea os ovos, como acontece en moitos dos gravados que veño estudando. Ábrese en todo caso, unha novedosa e coido que moi interesante, liña de investigación á que invito a todos aqueles que sexan capáces de desprenderse dos prexuizos inducidos por unha burda manipulación. Coido que non vai a ser tarefa fácil, sobre todo si temos en conta que o centro de interpretación da Arte Rupestre, referente en todo Galicia, está dirixído por unha persoa que non dubida en publicitar e resaltar a figura manipulada que condicionou a investigación nos últimos tres cuartos de século.