viernes, 20 de septiembre de 2019

A PEDRA DA PEREIRA REVISITADA





A PEDRA DA PEREIRA REVISITADA




Restitución fotogramétrica


Unha das nefastas consecuencias que trae consigo a privatización encuberta do noso Patrimonio e a de deixalo en mans de individuos que o único do que se preocupan e de recaudar diñeiro sin importarlles para nada nin a sua formación nin o relato que se lles está a dar os visitantes.



O Centro de Interpretación dos Petróglifos de Mogor, situado no Concello de Marín non é alleo a esas prácticas, mais ben é paradigmático.



No Concello de Marín hai catalogados arredor de cincuenta rochas con gravados, que abarcan practicamente tódolos motivos da arte rupestre do NO, xa sexan esquemáticos ou figurativos, xeométricos ou naturalistas, dos que no Centro de Interpretación solo se mencionan tres ou catro rochas, e ademais, mal. Na Pedra dos Mouros hai tres cuadrúpedes, dos que os guías coñecen un. Da Pedra da Moura Encantada, identificada como tal desde fai mais de un século, seguen a dicir que non saben cal é. E falando de petróglifos de armas, como si en Marín non existise ningún, din o que sigue, que é a transcrición do que nos contou un arqueólogo que facía de guía en días pasados: 


...Bueno, los (petróglifos) figurativos. Los figurativos son tradístas...Normalmente los representaban en rocas mas o menos inclinadas como estas, como podéis ver. Incluso a veces tan inclinadas como estas (outras)..sobre todo muchos de armas: espadas, puñais, alabardas...¿Sabeis lo que es una alabarda? Es una especie de mazo de la época del bronce, mas o menos... del cobre un poco anterior,...escudos. Hay, por ejemplo, en Gondomar Auga da Laxe, un gran panel para ver de frente con muchas armas. Parece ser que según algunos investigadores esos petroglifos de armas, digamos, estaban delimitando el terreno de la tribu. Era una especie de señal de aviso, digamos, por si alguna tribu que viniera de afuera viera eses grandes paneles y dijera:...¡Hey! cuidado que si entramos en esta zona, pues nos pueden matar...



Calco da autoría de Antonio de la Peña Santos

Fai case trinta anos que de un xeito ou outro e coñecida a estación de Pedrouzos 1 na que se identificaran sete representacións de armas, unha das cales era, e segue a ser a segunda mais grande das que se coñecen nos petróglifos do NO da Península Ibérica. 

Este feito sigue a ser descoñecido a dia de hoxe polos guias do Centro, e que coa aplicación da fotogrametría dixital supera entre puñais e espadas (16) as doce da Auga da Laxe. (Teño noticias de prensa que o facer a fotogrametría en datas recentes apareceron mais armas, pero ignoro de que tipo)



A principios dos anos 90 do século pasado, para facer un pequeno xardín en unha zona do meu eido que estaba moi maltratada, decidín buscar terróns de herba para facer un recheo e que fora practicable case de inmediato. Para elo, buscando unha herba que polo Morrazo denominase feno que abunda en algunhas pistas forestais que case están sin uso, e nas que a escorrentia colmara as beiras nas que crecía de maneira abundante, cheguei o Monte Veciñal en Man Común de Santo Tomé de Piñeiro, no monte da Laxe a uns 450 m. o NO da mámoa de Pedralonga.



Comecei a arrincar terróns na parte superior de unha laxe que penetraba debaixo da pista en unha zona que apenas chegaba os 15 cm. de potencia e a medida que os iba sacando, foi quedando o descuberto a laxe na que asomaba unha coviña. Revisei entón a parte que estaba descuberta que presentaba unha forma alombada con unha pendente pronunciada cara a o SO, en cuxa base podíanse ollar os característicos gravados de José Meijón que tanto abundan nas rochas da zona.



A Pedra da Pereira nos tempos da sua descoberta

Aproximadamente a dous metros de onde estaba arrincando a herba, distinguíase unha figura semellante a silueta de unha conifera, que non foi difícil identificar como un puñal similar o aparecido uns anos antes en unha cista en Atios, Porriño.

Unha vez rematada a limpeza da parte superior, descobrin varias figuras de armas entre as que destacaba unha gran espada de case 1,50 m. de largo, da mesma tipoloxía que a que era visible.



Dada a desvinculación que por aquela entón tiña do Museo de Pontevedra, despois do falecemento do que fora seu Secretario, Alfredo García Alén que era a persoa a quen facilitaba os datos de tódolos xacementos que atopara na década anterior, non comuniquei nin este nin outros achados pola mesma zona e que coidei quedaran inéditos. Volvín a visitalos a mediados dos 90 en compañía de José Suarez Otero que confirmoume a importancia dos achados.



Como na beira da rocha na sua parte S medraba unha pereira brava (Pyrus cordata), denominei a rocha como Pedra da Pereira, e con tal nome deina a coñecer na prensa en Xuño do 2011.


Descubrín entón que nos case 20 anos transcorridos desde que a desenterrara, fora inventariada co nome de Pedrouzos 1, nome a todas luces errado e que induce a engano, pois non esta no monte dos Pedrouzos, senón no da Laxe e crea confusión cos que si hai nos Pedrouzos.


Estado actual (Setembro 2019).


A rocha de granito de dúas micas e grao fino mide na parte descuberta sete por seis metros aproximadamente, está orientada cara a o S en un pequeno val en cuxa parte superior se encontra, e a dia de hoxe en un estado de absoluto abandono, completamente rodeada de silvas, toxos, fentos, piñeiros e eucaliptos a imaxe do que ocorre coa inmensa maioría dos petróglifos galegos.



Na época do seu descubrimento fixera unha reprodución pola técnica do frottage dalgún dos motivos principais e que aínda conservo e que se reproducen por primeira vez.



Reprodución polo método do frottage da gran espada, no que é claramente visible unha das duas armas superpostas.


En este pódese ver sobre a parte distal da folla da espada principal unha das dúas follas nas que non había reparado no seu momento, e que coas nove localizadas unha vez realizado o levantamento fotogramétrico, dou agora a coñecer.



Antonio de la Peña Santos fixo o calco da rocha e publicou un cadro no que recolle as sete armas que identificou. E sorprendente que habida conta do seu ben facer, non fora quen de recoller, xa non digo tódalas gravuras, senón aqueles que incluso en un frottage apresurado poden ser percibidas.



Comparativa do calco de Antonio de la Peña Santos coas suas correspondencias na rocha e a espada da Cista de Atios.

Unha vez realizada a restitución dixital, as sete representacións iniciais pasaron a ser dezaseis en total, convertendo esta rocha en unha das panoplias mais numerosas das que teño coñecemento, xunto co espectacular conxunto da Auga da Laxe en Gondomar. De estas, dez presentan empuñadura en T, mentres que das restantes cinco teñen empuñadura indefinida ou plana e unha a ten arredondada. A maioría das figuras presentan un acusado grado de desgaste, que as fai caseque invisibles en condicións óptimas de luz, e so co emprego da fotogrametría puideron ser identificadas.

Detalle da rocha coa situación dos distintos gravados.


Dúas figuras (11 e 16) parecen representar armas enfundadas na sua vaiña a xulgar polos trazos que as diferencian das demais.

Destaca entre tódalas figuras a de unha gran espada corta de lingüeta de 146 cm. de longo, asi como catro puñais do mesmo tipo pero de menor tamaño, mentres os outros son de folla ovalada de diversos tamaños. 

Sobre a folla da espada mais grande (1), están representados dúas figuras que interpretamos como puñais. Un (2) con empuñadura redondeada e folla ovalada, e outro (3) de empuñadura e folla mais estreita. O grao de desgaste destas dúas figuras non permite apreciar a coetaneidade ou non das mesmas coa figura mais grande.

A figura (4) e do mesmo tipo que a (1) pero de menor tamaño, ten na sua parte inferior outro pequeno puñal (5) e a sua dereita unha folla (6) ovalada.

A dereita da gran espada atopase outra figura de folla ovalada mais apuntada (15), tamén profundamente desgastada, e case tanxencialmente a sua empuñadura pero en sentido vertical con respecto a base da rocha, outro puñal de folla ovalada con empuñadura en T (14). Debaixo de esta, en sentido horizontal, outro puñal de folla triangular (7) e sobre ela un grupo de tres figuras, dúas das cales (8 e 9) teñen follas rectas, apuntadas e empuñadura recta, mentres a (10) ten empuñadura en T e folla ovalada. A da sua esquerda (16), e unha folla triangular con empuñadura en T de dificilisima lectura, e cruzada por trazos que poderían indicar a presencia de unha vaina o mesmo que acontece na (11) e sobre esta dúas follas ovaladas (12 e 13) con empuñadura en T.




Lista das figuras de armas identificadas na rocha



Completan o catálogo os gravados xa plenamente históricos da autoría de Pepito Meijón, tan abundantes nesta como en outras rochas das cercanias. Unha é unha figura de un circulo con seis radios triangulares sobre unha peana que coidamos representa unha custodia (17) e polo menos dúas inscricións (pois o estado no que se atopa a rocha neste tempo impide ver todo o seu perímetro) con senllos escudos e a inscrición JEHOVÁ.



Gravados de Pepito Meijón.


Dada a importancia dos motivos representados, a situación, a visibilidade desta rocha, e a pesares do seu estado de desgaste, que é notorio nos 30 anos transcorridos desde o seu descubrimento, coidamos probable que fora a que deu nome o conxunto do monte onde se sitúa, monte da Laxe.

Este tipo de representacións de armas, son dos pouquisimos elementos que permiten datar os gravados de xeito inequívoco, pois o achado dos seus modelos metálicos en contextos que permiten a sua datación fan deles elementos salientables no conxunto da arte rupestre. 

E por iso que sería de agardar que as administracións implicadas na sua conservación e divulgación, sobre todo o Concello de Marín, puxera tódolos medios para a sua posta en valor, xa que se trata probablemente da segunda maior representación de espadas e puñais nos petróglifos de toda Galiza.



No hay comentarios:

Publicar un comentario