domingo, 14 de julio de 2019

PETROGLIFO DAS ABELAIRES




AS ABELAIRES


Un paradigmatico exemplo do desprezo da Xunta de Galicia polo noso Patrimonio.





Vista cenital parcial da rocha das Abelaires. Restitución fotogramétrica.
O dia 13 de decembro de 1975, según consta no antigo ficheiro do Museo de Pontevedra, dei conta do achado do gran petroglifo de As Abelaires (GA 36008025), tan de actualidade nestes dias a consecuencia das labores de limpeza que a empresa Arbore Arqueoloxia por encargo da Deputación de Pontevedra e o Concello de Cangas do Morrazo está a levar a cabo.



Ficha orixinal do Secretario do Museo de Pontevedra, Alfredo Garcia Alén.


Xa desde o primeiro momento foi palmária a sua singularidade, a gran superficie que ocupaba e o feito de ter varias das suas combinacións circulares ocupando os relevos da pedra levounos a pensar que poderia representar un mapa de relevo da zona, dadas as similitudes que presentaba coas representacións de castros fortificados. Axiña esa suposición foi desbotada xa que os gravados, alomenos naquel momento, asimilabanse a epocas anteriores o nacemento da cultura castrexa e os seus povoados e que anque non era novedosa a idea, non servia para explicar o resto dos motivos gravados.


Como consecuencia do seu interese e grazas as xestións do por aquela entón Secretario do Museo de Pontevedra Alfredo Garcia Alén, un equipo da Televisión Española desplazouse no ano seguinte a facer unha reportaxe que foi emitida no programa Misión Rescate da Segunda Cadena de TVE. Nesa reportaxe participaron conmigo un grupo de mozos de Cangas os que fixen esta foto, que é o unico documento gráfico que queda daquel dia, pois a filmación orixinal esta perdida xunto con outras moitas filmacións da época, e xa non figura nos arquivos de RTVE.


 Amalia Corral, Marisa Rivera, José Maria Abeijon, Fina Rodas e Antonio Nores, que participaron conmigo na gravación do programa de RTVE Misión rescate, 1976

Ubícase perto da Chan de Castiñeiras no linde entre os Concellos de Bueu e Cangas do Morrazo. Trátase de un grande afloramento rochoso de perto de 200 m² de superdficie dividido por profundas diaclasas e que foi utilizado como canteira para a extraccion de postes en epoca recente, incluso despois do seu descobrimento, e de constantes agresións ambientais. Foi usado como vertedoiro de refugallos de construcción e basureiro, e soportou agresións como a modificación do trazado do camiño ancestral que subía o monte Liboreiro, que pasaba a uns cinco metros polo lado oeste e foi desviado a parte leste sobre os motivos gravados na rocha, e as que a construcción do polígono industrial da Chan de Castiñeiras supuxo para todos os xacementos arqueolóxicos que se ubicaban en dito lugar e que comprendian unha necropole megalítica con alomenos 4 mámoas das que se conservan tres, un xacemento calcolítico desaparecido e un do bronce final completamente arrasado para a construcción de unha nave para procesado de chatarra férrica.

Evolución da paisaxe onde se aprecian os grandes cambios sufridos ao longo de 60 anos no contorno do petróglifo.
A estructura rectangular das primeiras imaxes e o cemiterio de Bueu.



Na sua proximidade, e incumplindo todalas Normas Legais da Area de protección dos Bens de Interese Cultural, a Xunta de Galicia construiu o Punto Limpo e a planta de recollida de lixo da Mancomunidade do Morrazo, o que demostra a nula sensibilidade das administracións municipais e autonómicas para a protección e valoración do patrimonio arqueolóxico e cultural.


Despois de innumerables denuncias por parte de diversos colectivos de protección do patrimonio e medioambientais. o longo dos anos 2008, 2012, 2012 e 2013 entre outros, dado o estado de absoluto abandono en que se achaba, fixeranse algunhas labouras para a retirada do mais groso dos materiales que caseque cubrian a rocha por completo, amén da maleza que o cobria.

Estado no que se atopaba no ano 2011

Sin embargo esas mínimas actuacións, desligadas por completo de labouras de divulgación e concienciación entre os veciños e a comunidade educativa, non tivo apenas influencia na sua posta en valor, polo que de novo foi utilizado como vertedoiro sin que as autoridades políticas fixeran nada por evitalo.

Tivo que ser co cambio de sensibilidade e ideoloxía nos governos municipais e na Deputación de Pontevedra que por fin se decidise actuar na sua conservación e limpeza e que agardamos sexan continuadas no resto dos petróglifos do concello de Cangas en este caso, e dos milleiros que se encontran espallados o longo de toda Galicia e que o governo da Xunta está permitindo que se destrocen dia tras dia sin facer caseque nada por conservalos, mais alá de privatizar algúns con consecuencias funestas como se viu no caso do PAAR de Campo Lameiro, onde se ven de perpetrar por parte dos seus xestores, unha das mais terribles agresións que se teñen coñecido en bens que se atopan (teoricaménte) baixo a sua protección.

As labouras de limpeza que se están a levar a cabo, permitironme facer o primeiro intento de restitución fotogramétrica en tanto a empresa que a realiza non teña dispoñible o que ella vai a realizar e que aquí presento en un avance.


Restitución fotogramétrica .

Detalle nº 1 da figura anterior

Detalle nº 2.

E de agardar que unha vez completados os traballos que se están a facer, poidan sair a luz novos motivos e que por falla de un estudo pormenorizado nunca se poideron contemplar.

Agardo que esta pequena contribución sirva para chamar a atención a todalas personas interesadas en manter estas singulares manifestacións da nosa prehistoria, e que poidan ser transmitidas nas mellores condicións para que os nosos herdeiros poidan disfrutar de un elemento tan extraordinario, anque se atope rodeado de instalacións de tratamento de lixo.

A incompetencia en matéria cultural da Xunta de Galicia foi quen deixou que o lixo tivera sepultada esta rocha. Confio en que unha vez posta en valor, os propios veciños sexan quen de defendela e mantela.

No hay comentarios:

Publicar un comentario