domingo, 21 de agosto de 2016

A PEDRA DA MOURA ENCANTADA


A PEDRA DA MOURA ENCANTADA


O MITO DO lABERINTO DE MOGOR

(1)



Debuxo orixinal de Enrique Campo . Museo de Pontevedra
O subtitulo desta entrada fai referencia a que considero un mito o feito de pretender que o gravado presente na Pedra da Moura Encantada sexa, como se estableceu de facto, un laberinto de tipo cretense ou clasico ( uso o termo cretense  a sabendas que é erroneo pois iso implicaría unha orixe e unha epoca historica completamente afastada do noso contexto).

Non farei referencia nesta primeira entrega os demais laberintos que cada vez en maior numero vanse engadindo o catalogo destas figuras na arte rupestre galega.


ooooooOOOOOOoooooo

Fai xa mais dun século que se descubriron os gravados da Pedra dá Moura Encantada en Mogor, Marín e o seu descubrimento supuxo a entrada na prehistoria galega dunha palabra e un concepto asociado a ela que ata entón estiveran ausentes nas publicacións da epoca E certo que apenas se estaban a poñer os alicerces do que serían os primeiros estudos da arte rupestre e da prehistoria galega en xeral, elo pode xustificar os erros que se cometeron na sua descripción e interpretación.
  
Os gravados eran, para os descubridores, extremadamente novedosos pois un deles gardaba semellanza coa figura de un labirinto, tal como aparecia representado en moedas cretenses e que xustificaban ás arelas dun pasado clasico, concretamente mediterraneo, dos descubridores. Os efectos foron tan negativos que levaron por un afán clasista e cultural a cambiarlle o nome a rocha que desde entón pasou a chamarse Pedra do Labirinto.

Para reforzar esa vinculación cretense, non dubidaron en recorrer a manipulación gráfica  dos elementos achados, cuxos desastrosos resultados aínda perduran nos nosos dias. E probable que dita manipulación fose accidental, pero coñecido o rigor co que se acercaban as descripcións, esa posibilidade non semella moi veridica.

As probas de tal manipulación levan tantos anos ante os nosos ollos que a forza de velas constantemente pasan desapercibidas.

Corpus Petroglyphorum Gallaecia, 1935

A identificación do gravado principal con un labirinto de tipo cretense só é posible manipulando a figura alí representada. Vemos como desde as mais antigas descricións graficas, sobreponse ao gravado orixinal un motivo en cruz central que non existe na roca. A colocación dese motivo vén dada pola necesidade de semellalo ao motivo impreso nunha moeda de referencia e poder facer así unha comparación válida con este.

Comparativa co gravado sin manipular

As negativas consecuencias dese proceder podemos atopalas inda hoxe en publicacións divulgativas mais ou menos rigorosas e, o que nos parece mais grave, na información que desde o Centro Arqueolóxico de Mogor estase transmitindo aos visitantes, centros educativos incluídos.




Se borramos a figura do labirinto das nosas mentes, vendo esta imaxe podemos apreciar unha forma serpentiforme con varios trazos engadidos no que sería a cabeza e que recibiron multiples interpretacións. Creo que teñen vinculación co obxecto representado, coa posible función presumida a dita forma e poden representar as ofrendas que habería que facerlle para conquerir o fin solicitado.

Non importou que na tradición oral e no folklore galego non existise ningunha referencia a esta figura, nin que para os veciños do lugar fose unha fugura absolutamente descoñecida. Para eles era simplemente a representación da moura encantada, e tiñan razón.

É abundantisima a bibliografia referida ás mouras e os encantamentos, e que moitas veces maniféstanse en forma de serpe á que hai que levar algun tipo de ofrenda para desencantala e que conceda os desexos que se lle soliciten, polo que non vou a citala porque coido qué e de sobra coñecida. Con todo para os descubridores este feito pasou absolutamente desapercibido ou ben simplemente ignorouse.

Lamentablemente, o folklore que sen dúbida estaba relacionado con este gravado non foi recollido no seu momento polos primeiros investigadores, o que nos dificulta, ata certo punto, a súa interpretación.

No entanto contamos coa descripcion do relativo a unha roca próxima, a Pedra de Namorar hoxe desaparecida ao que acudian as parellas con dificultades para procrear e que tiñan que efectuar o coito sobre devandita rocha. Nela din os informantes que había unha serpe gravada.

A primeira imaxe que se vén á cabeza ao observar o gravado da Pedra dá Moura Encantada é a dunha serpe plegada sobre si mesma.




© 2011 Thomas Eimermacher

Non creeo que o parecido sexa simplemente accidental, ao contrario, creo estar en presenza dunha das representacións mais realistas da fauna na arte rupestre galego, mais alá da pretendida, e para min erronea, atribucion de serpe ao gravado reticulado da Pedra dá Boullosa en Campo Lameiro. A maiores deberia engadir que das oito representacións de laberintos galegos coñecidas, e a única que presenta distintos trazos na sua entrada. Este simple feito xa o fai distinto de todolos outros e por iso mesmo merecente de unha aproximación distinta a sua interpretación.





Non deixa de ser significativo o feito de que da inmensa maioría das rochas con gravados rupestres en Galicia, caseque as únicas que teñen lendas asociadas son as que teñen representacións serpentiformes. Este simple feito debería facer reflexionar aos distintos investigadores que desde distintos prismas achegáronse ao estudo destas figuras. Desgraciadamente, o cambio de nome da roca, a pobreza imaginativa e un certo clasismo intelectual da maioría dos que se achegaron ao seu estudo fixo que se repetisen unha e outra vez o mesmo estereotipo descriptivo. Os trazos do suposto labirinto impediron a visión do que representaban. 

Sobre esta figura vertéronse rios de tinta e son innumerabeis as interpretacións a cada cal mais rara. Moitas delas deberían estar proscritas da literatura cientifica pois entran no esoterismo mais comercial e acentifico mentres que outras, benintencionadas sen dúbida e que buscan unha interpretación astronomica, caen polo seu propio peso ante a endeblez dos datos e sobre todo porque ao noso entender, parten dunha premisa erronea.


 Coido por tanto que o que o mal chamado Labirinto é, en realidade, a representación fidedigna do mito da moura-serpe, tan comun no noso folklore e que por un erro na sua lectura e interpretación levou a perpetuar unha interpretación errada até o punto de sustituir o propio nome da rocha que debería, desde xa, voltar a sua denominación tradicional: Pedra da Moura Encantada




Seguirá.....


1 comentario: