viernes, 30 de noviembre de 2018

NOVO PETRÓGLIFO EN A TOMADA, MARIN.


NOVO PETRÓGLIFO EN A TOMADA, MARIN

Reconstitución dixital 

A finais dos anos oitenta do pasado seculo, e con motivo da apertura de varias pistas e cortalumes forestais nos arredores da Chan de Castiñeiras, repartidos entre os concellos de Marín e Vilaboa no Morrazo, tiven a sorte de atopar un bo feixe da xacementos arqueolóxicos, en catro dos cales eran abundantes os restos de cerámicas campaniformes, até entón practicamente inexistentes nos rexistro arqueolóxico do NO fora do contexto funerario, si exceptuamos os que descubrira uns dez anos antes no Regueiriño, a Fontenla e a Debesa do Rei en Domaio, Moaña ou a Chan en Coiro, Cangas do Morrazo.

Tamén nesa mesma época tiven a sorte de atopar algunhas rochas con petróglifos, algun deles tan significativo como a Pedra da Pereira, agora denominada Pedrouzos1, a Mascara, (Pedrouzos 2), que por diferentes motivos non as comuniquei o Museo de Pontevedra como tiña feito co resto dos achados que fora comunicando nos anos anteriores e que pasaran a engrosar o listado de Xacementos do catálogo da Xunta de Galicia.

A uns trescentos metros o N deste último, unha tardiña tiven a oportunidade de entrever, baixo un eucalipto que medraba en unha brecha entre duas rochas o que me pareceu un muiño naviforme moi desgastado na parte da rocha que quedaba o descuberto no mar de follas e cortizas de eucalipto que a cubrian, e coa intención de voltar a velo con mais calma, ali quedou.

Despois de trinta anos de esquecemento, con ocasión de unha visita que un grupo de amigos fixemos os petróglifos dos Pedrouzos, lembreime daquela rocha, e decidin buscala. A mudanza da paisaxe tanto forestal, como o abandono de pistas e apertura de outras fixo dificil a busqueda, pero o final, apareceu.

Estado de absoluto abandono no que se atopaba a rocha

O feito de atoparse en un outeiro rochoso, e a sequía prolongada, fixo que naqueles sitios onde as laxes estaban cubertas, non medrase mais que pequenos grupiños de musgo , algunhas silveiras e caseque nada mais. Iso fixo que practicamente sin traballo quedara a rocha o descuberto.

Aspecto unha vez retirada a maleza
E efectivamente alí estaba o rebaixe da rocha tal como o lembraba, pero para a miña sorpresa estaba acompañado por dous gravados mais.

Detalle dos gravados.

A rocha ten unhas medidas na parte descuberta de 230x190 cm. aproximadamente e presenta na sua parte central tres motivos enmarcados en senllos rectangulos con lados menores curvados. O motivo central alberga unha serie de oito coviñas das cales catro estan en sentido lonxitudinal. A sua dereita está o motivo inicialmente descuberto, en forma de batea co interior rebaixado a maneira de alguns muiños naviculares, con un forte rebaixe no lado inferior en forma de crecente. O motivo situado a esquerda consiste en un rectangulo contorneado por un sulco. Completan as representacións un ou dous pequenos rebaixes naviculares moi tenues.

O que fai está rocha singular e a rareza dos motivos gravados, si exceptuamos as coviñas, xa que estas figuras non teñen paralelos dentro do ámeto dos gravados rupestres da zona. Tamén destaca o feito de que a meirande parte da superficie esté libre de gravados, mostrando unha intencionalidade de aproveitar só a zona central, a pesares da superficie regular e plana da rocha.

Con data 5 de outubro deste ano faciliteille todolos datos a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia para que procedera a sua catalogación e llo comunicara o Concello de Marín e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Xulian de Marín para que tomen as medidas de protección necesarias para a sua sinalización e conservación, anque vendo a maneira de proceder tanto do Concello como da Comunidade de Montes que manifestaron en multiples ocasións o seu desprezo polos petróglifos que teñen no seu territorio, moito nos tememos que a volta de pouco tempo fique abandonado e exposto a calquer agresión.

Para o Concello non existen mais petróglifos en Marin que as tres rochas de Mogor, xestionadas de maneira vergoñenta desde o chiringuito chamado Centro de interpretación dos petróglifos de Mogor, que non dubida en publicitarse coa foto de unha manipulación arqueolóxica historica.

Imaxen promocional do Centro de Interpretacion dos Petróglifos de Mogor coa figura principal da Pedra da Moura Encantada cos seus sulcos manipulados para que semellase un labirinto.

A Comunidade de Montes foi multada por agredir un petróglifo con unha desbrozadora de cadenas, e para evitar outra multa, en vez de sinalizar os petroglifos, o que fai e deixar unha franxa arredor das rochas con gravados sin limpar e inzada de maleza, co cal en caso de incendio os danos serían irreparables.



Con estes antecedentes, coidamos que é imprescindible a divulgación entre os veciños e comuneiros para que tomen exemplo do que outras Comunidades de Montes veciñas est6án a facer, sinalizando as rochas, limpando o seu arredor e promocionandoas mediante rutas divulgativas que estan tendo unha gran acollida entre a poboación, anque para iso teñan que mudar a directiva da Comunidade que non é quen de estar a altura de xestionar o grandisimo tesouro cultural que alberga no seu territorio.

Que asi sexa.

martes, 20 de noviembre de 2018

A PEDRA DA MOURA ENCANTADA 4



A PEDRA DA MOURA ENCANTADA 4

Apareceu a Serpe



Interpretación da figura gravada no calco de escaiola

No numero 105 do Boletin de la Real Academia Gallega de Maio de 1916 no artigo Sobre insculturas rupestres en la provincia de Pontevedra o autor, o vilagarciano Juan Fernandez Gil y Casal, da conta da identificación do gravado da Pedra da Moura Encantada en Mogor, Marín con unha moeda de Knosos onde aparece representado un labirinto de tipo circular. Acompaña a descripción un debuxo no que aparecen outros gravados do Outeiro das Laxes en Figueirido (Vilaboa), a moeda de Cnosos e diversos comentarios.


Debuxo da autoria de Fernande Gil cos sulcos engrosados dixitalmente


O debuxo reproduce con total fidelidade o trazado do gravado, a pesares da sua estilización. Este debuxo non se tivo en consideración nas sucesivas publicacións que por diversos autores se fixeron nos cen anos posteriores xa que foi suplantado pola manipulación e falsificación que do seu trazado fixeron Ramón Sobrino Buhigas e o seu fillo Ramón Sobrino Lorenzo Ruza.

En publicacións anteriores 1, 2 de este blog, xa puxen de manifesto esa manipulación, achacandoa as posibles dificultades para observar nitidamente os sulcos centrais da figura como acontece hoxe en dia, pero si Fernández Gil foi quen de aprecialas perfectamente, ¿porque Sobrino Buhigas debuxa outra cousa?

A figura que está representada na rocha, presenta un indudable parecido formal co labirinto estampado na moeda de Knossos, pero non é un labirinto por varias razóns.

-Non presenta a cruz central de este tipo de figuras,
-Ten no centro unha coviña e
-Presenta varios trazos no que sería a entrada.

Para poder falar de labirinto entón Sobrino Buhigas decide inventarse unha cruz central que non existe e modifica os trazos, primeiro con pintura pero ollando o estado actual do gravado, é posible que tamén fisicamente pois os trazos primitivos aparecen desgastados e dan lugar a interpretación que el fixo en primeiro lugar coa pintura. Non quero imaxinar que a erosión que presentan os gravados foro feita por eles mesmos, senon que o seu debuxo poido servir para que personas que non eran quen de ver os trazos inventados, foran remarcandoos unha e outra vez até chegar a situación actual


Fotografia publicada no Corpus coa perspectiva modificada a efectos comparativos.


A proba que demostra esta afirmación e o calco feito en escaiola que se conserva no Museo de Pontevedra. Nel apreciase perfectamente que o que está representado e unha serpe cuxo rabo está claramente indicado perto da coviña central e vaise replegando sobre si mesma até a cabeza na parte exterior. Trátase de unha representación extraordinária pois o seu corpo vai facendose mais groso o longo do trazado e volve a estreitarse a medida que se acerca a cabeza, tal como ocorre na realidade.



Calco en escaiola do motivo principal da Pedra da Moura Encantada


Entre todas as persoas que de un ou outro xeito nos adicamos o estude e divulgación da Arte Rupestre galega, os nomes de Sobrino Buhigas e Sobrino Lorenzo figuran como os maximos exponentes da descuberta e estudio de moitisimas estacións rupestres, e polo tanto recoñecidos como autoridades nesta especialización artística.

Así é e deberia ser, pero o que non é aceptable e que os investigadores que proseguiron a sua laboura non reparasen no erro cometido e non procederan a sua denuncia e corrección.

Mencionaba en un dos artigos anteriores que os investigadores pasaron de estudiar a figura na rocha a guiarse pola ilustración feita en fotografias manipuladas, co gravisimo perxuicio o coñecemento e perpetuando así a sua difusión e pechando novas vias de investigación.


Comparativa .


Por suposto, toda a bibliografía baseada na manipulación gráfica, non pode nin debe ser tomada en conta, polo que carece de validez, e o feito de encher paxinas de citas bibliograficas non deixa de ser unha mostra do pouco rigor que os distintos autores demostran.

Así pois, teño que recoñecer que da bibliografia consultada dos Sobrino e dos que seguen as suas teses, non fun quen de extraer ningunha información valida para o estudo desta figura, toda vez que como era a sua intención, levaron o campo de investigación a invención de unha fábula que deu, como era de agardar, en un calexón sin saida, dando lugar a peregrinas, cando non aberrantes, conclusións totalmente alleas o país e a nosa sociedade que é onde foi creada esa representación e nada que ver cos posibles motivos para realizala.

As consecuencias, como xa teño dito, levaron a que estas figuras sigan a ser consideradas como motivos xeométricos cando deberían formar parte (moi abundante por certo) dos motivos zoomorfos e propiciar unha nova via de investigación.

Todos estes datos supoñen un baldón sobre a autoritas dos ditos investigadores, que chegaron o extremo non só de manipular a figura, senón de suplantar o seu nome tradicional, cousa que Fernandez Gil, o primeiro en identificar (erroneamente o meu entender) a figura con un labirinto cretense non fixo, respetando o tradicional nome de Pedra da Moura Encantada.

Sigo agardando que os especialistas na Arte Rupestre galega, entre eles algunhas persoas con responsabilidade na xestión do único Parque da Arte Rupestre Galega e que teñen a Sobrino Lorenzo en un pedestal agardando a ser santificado, sexan quen de dar unha explicación do porque desa fé cega na sua autoridade intelectual cando as probas do seu fraude levan tantos anos a vista de todos, e como este modesto artigo volve a demostrar.